Noite e Día

5f996-racismo_by_heroud-d34hgg8Rosa Castro emigrara a Cuba había varios anos e casara cun home de alí, negro, que, segundo as cartas que enviaba, era con ela moi bo. Os seus pais non tiñan moi claro aquel casamento, pero como vían a súa filla feliz, remataron por afacerse á idea.

Pero ano e medio despois da voda, Rosa escribiulles outra carta; esta vez, dicindo que o seu home a abandonara e que, ademais, estaba agardando un fillo. En principio, Rosa non quixo volver a Galicia, pensando na vergonza que para seus pais suporía iso na súa pequena aldea. Sen embargo, anos despois, debido ás dificultades económicas e tamén á morriña, Rosa decidiu volver.

Traía con ela á súa filla, Celsa, unha nena de once anos, tan negriña coma seu pai. Era unha rapaza preciosa cuns enormes ollos escuros, e tan doce e cariñosa que axiña se gañou o amor dos seus avós.

Pero na vila, a integración de Celsa non sería tan doada. Na escola ninguén quería xogar con ela, sempre estaba soa e, polo camiño, os outros rapaces dicíanlle cousas moi crueis.

-Eh, ti, vai lavar a cara, que a tes coma un chamizo!
-Lisca de aquí, ti non es coma nós!

Un día, no recreo, cando Celsa estaba sentada nas escaleiras da escola, achegouse a ela un rapaz loiro, de ollos azuis e cara moi branca. Sentou a carón dela e comezou a falar.

-Ola, chámome Roi -dixo cun sorriso nos beizos-. Ti es Celsa, non si?

A rapaza non contestou e, sospeitando que as intencións do rapaz non eran boas, ergueuse e marchou de alí.

-Agarda! -exclamou Roi, agarrándoa polo brazo-. Só quero falar contigo. Xa sei que a xente non te trata moi ben, pero se me dás unha oportunidade, eu podería ser o teu amigo.

Dende aquela, os dous rapaces fixéronse moi amigos. Sempre estaban xuntos; na escola, nos xogos…; e Roi tivo que empezar a aturar tamén os insultos e as burlas de todos, aínda que a el non lle importaba.

-Eh, Roi, e ti de que color es?
-Mira que distintos son; parecen o día e a noite!

O do día e a noite, quedoulles. Todos os rapaces lles chamaban sempre así. Pero, lonxe de molestarlles, aquela comparanza polo contraste entre a cor das súas peles e cabelos, a Celsa e a Roi facíalles graza. […]

Pablo Nine, «Noite e Día» (fragmento)

Responde a estas preguntas sobre o texto que vés de leer:


Deja una respuesta